|
 | Obradoiros |  |
 | Secretaría |  |
|
 | Presentación |  |
OBRADOIROS EN AMES (Coa colaboración do concello de Ames)
18 E 19 DE NOVEMBRO / Iniciación ao audiovisual. Aprende a facer os teus propios vídeos
Horario: Sábado de 10 a 14h e de 16 a 20h e domingo de 10 a 14h Matrícula: 60 € / 45 € socios/as NEG Lugar: Sede de NEG (R/ das Hedras, 4-2ºO. Novo Milladoiro) Imparte: Seispés Producións Creativas Produtora audiovisual, comunicación, deseño gráfico e produción musical que nace do desexo dun grupo de profesionais xóvenes e dinámicos de dar renda solta á súa creatividade. www.seispes.com
Descrición do obradoiro: Darémosche os recursos necesarios a través de contidos teóricos (valores de plano, movementos de cámara, son, fases e tarefas de preprodución, produción e postprodución...) e exercicios prácticos (guionización, gravación e montaxe), para que aprendas a facer pezas audiovisuais de maneira sinxela, xeitosa e asequible, ben para ti ou para traballar con grupos ou na aula.
Necesidades: Trae un teléfono móbil e os cables correpondentes para poder cargar a batería e volcar o que gravemos no teu ordenador portátil. Comproba que este teña instalado algún programa de edición como poden ser o Movie Maker (pc) ou o IMovie (Mac).
24 E 25 DE NOVEMBRO / “Autoestima feminina e novas masculinidades: Desaprendendo o sexismo desde as aulas” (ACTIVIDADE HOMOLOGADA POLA XUNTA CON 12H DE FORMACIÓN PARA O PROFESORADO)
Horario: Venres de 17 a 21h e sábado de 10 a 14h e de 16 a 21h Matrícula: 50 € / 30 € socios/as NEG Lugar: Sede de NEG (R/ das Hedras, 4-2ºO. Novo Milladoiro) Imparte: Mª Sonia Fernández Casal: Licenciada en Ciencias Exactas. Máster en Xénero e Políticas de Igualdade. Xosé Cabido Pérez: Licenciado en Filosofía. Co-responsable da Dinamización de Igualdade do IES Plurilingüe Fontexería.
Obxectivos: • Presentar ferramentas e metodoloxía que permita realizar seminarios temáticos con alumnado de secundaria, separados por sexos, nos que abordar aqueles aspectos da construción da identidade de xénero que dificultan ou impiden o mantemento de relacións de igualdad entre os sexos. • Reflexionar sobre formas de afortalar a autonomía e a autoestima das alumnas desde as aulas. • Reflexionar sobre como promover o compromiso dos alumnos coa igualdade, a renuncia aos seus privilexios de xénero e a superación dos aspectos máis nocivos para eles mesmos do modelo masculino imperante. • Coñecer mellor a forma na que viven alumnas e alumnos a súa identidade de xénero.
Metodoloxía: Presentarase a experiencia desenvolvida en aulas de 2º, 3º, 4º de ESO e en 1º de BAC, dentro do proxecto coeducativo “Nós tamén navegar” do IES Plurilingüe Fontexería (Muros). Reproduciranse as dinámicas e actividades que se realizan co alumnado, en obradoiros separados por sexos, no marco deste proxecto que recibiu o III Premio Concepción Arenal da deputación da Coruña.
14 E 15 DE DECEMBRO / Obradoiro de Ecoauditorías
Horario: 17 a 20h Matrícula: 25€ / 20 € socios/as NEG Lugar: Sede de NEG (R/ das Hedras, 4-2ºO. Novo Milladoiro) Imparte: Manuel Antonio Fernández Profesor de bioloxía no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela
Descrición do obradoiro:
Os obxectivos do Obradoiro serán os de impulsar a necesidade de promover unha Educación Ambiental activa nos centros escolares por medio do Deseño e realización de sinxelas Auditorías Ambientais adaptadas as diferentes situación que se dan nos nosos centros educativos. Estas estratexias metodolóxicas deben ser a base para plantexamentos máis ambiciosos de innovación pedagóxica e reforma dos currículos.
16 DE DECEMBRO / Taller de percusión e canto tradicional
Horario: 10 a 14h e de 16 a 20h Matrícula: 60 € / 45 € socios/as NEG Lugar: Sede de NEG (R/ das Hedras, 4-2ºO. Novo Milladoiro) Imparte: Davide Salvado É sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país e vén de gañar o Premio Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional. De formación autodidacta, leva media vida percorrendo as aldeas galegas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, se non todo un xeito de vivir. O amor a todas esas prácticas tradicionais, a fía, a cestaría, a agricultura, o respeito á terra e á lingua, fan do xeito de entender o canto para Davide moito máis que simplemente música. Co seu último traballo, “Lobos” está a acadar un gran recoñecemento a nivel internacional.
Descrición do obradoiro: Curso de canto e pandeireta. Aprenderemos técnica de ámbolos dous instrumentos, así como repertorio e interpretación aplicados ao noso folclore.
Necesidades: A túa pandeireta, roupa cómoda e unha manta ou esterilla.
OBRADOIROS NA CORUÑA (Coa colaboración da Deputación da Coruña)
24 DE NOVEMBRO / Obradoiro de ilustración
Horario: 16:30 a 21h Matrícula: 25€ / 20 € socios/as NEG e estudantes da UDC Lugar: Fac. C. da Educación (Campus de Elviña). Aula de plástica. Andar -3. Imparte: Xosé Tomás
(Betanzos, 1971) Ilustrador, humorista gráfico, guionista e profesor de ensino secundario no CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal (inglés).
Descrición do obradoiro: A ilustración e, en xeral, a imaxe, son terreos que o noso sistema educativo debe traballar nos máis pequenos dende etapas temperás, para acadar, como proclamaba Rodari, o maior grao de expresión dos nenos. Cun enfoque que combina a teoría coa práctica, e con variacións segundo o nivel e a idade dos receptores, analízanse as relacións entre o texto literario e a imaxe, o trasvase entre ambos, así como a importancia narrativa da ilustración. Combinando exemplos con prácticas diversas, os asistentes viaxarán polas diferentes interpretacións e lecturas das palabras ata convertérense en ilustracións, poñéndoo en práctica con pequenos proxectos. Trabállase, así mesmo, a creación de personaxes dende o punto de vista físico e psicolóxico, e a elaboración de microhistorias visuais a partires de técnicas como as de G. Rodari. Coñécese a relación existente entre as imaxes dun álbum ilustrado e as figuras retóricas: as metáforas visuais, as hipérboles, as comparacións e paralelismos, e outras. O obradoiro transcorre nun clima de constante sorpresa para os participantes, de utilización do humor e o paradoxo, nun intento por espertar e estimular a súa creatividade, así como a súa capacidade de comunicar historias con imaxes.
*Accede ao programa completo da actividade no apartado “Secretaría”, á esquerda nesta mesma páxina. Información sobre axudas da Xunta para gastos de formación: http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/20170713_gastos_formacion.pdf
|
|
 | Documentación |  |
|
|
 | Ficha técnica |  |
Inscricións: Cubre a ficha de inscrición que se atopa no apartado "Secretaría", á esquerda desta mesma páxina, e envíaa por mail a: neg@neg.gal
|
|
|
|