Navegación: Inicio Actividades Actividades realizadas Ano 2013 VI Xornadas de Materiais Didácticos 
Usuario
Contrasinal:

A Actividade

Secretaría
Inscrición en liña
Ficha para difundir material
Boletín de inscrición
Programa

Presentación
A idea
As VI Xornadas de Materiais Didácticos pretenden ser continuación dos anteriores congresos de materiais didácticos, tendo como obxectivo nesta ocasión, baixo o lema “Recursos e materiais didácticos para o ensino en Galego”, crear un espazo de eminente carácter práctico a través do cal poder difundir e dar a coñecer aqueles materiais didácticos e recursos educativos existentes en galego que contribúen á normalización da nosa lingua, tanto en centros de ensino como noutras entidades socioeducativas. 

Son coñecidas as dificultades para encontrar materiais en galego para determinadas áreas e proxectos, polo que se fai necesaria a difusión dos existentes e das ferramentas que poidan axudar á multiplicación deste tipo de materiais. Igualmente, a través do coñecemento e difusión dos materiais elaborados polo propio profesorado, preténdese recoñecer o gran labor que hai detrás da construción de recursos educativos polos propios docentes e do interesante abano de posibilidades que se abre a través do intercambio de experiencias e de recursos.

Os obxectivos
1. Difundir os materiais didácticos innovadores concibidos e promovidos polo profesorado dos diferentes niveis do ensino e tamén dende diferentes colectivos de carácter educativo (concellos, movementos de renovación pedagóxica…) coa finalidade de contribuír á normalización lingüística.
2. Reflexionar sobre a relevancia e a necesidade de dispor de recursos educativos en galego para os diferentes niveis do ensino.
3. Participar en obradoiros que nos axuden a crear materiais didácticos e a contribuír á súa distribución.

Os materiais
Para pode presentar o material é necesario estar inscrito/a nas Xornadas. Unha vez que se reciban o conxunto de propostas, organizaranse as presentacións en función das temáticas e da tipoloxía de material. Cada autor/a de material disporá dun tempo aproximado de 15-20 minutos para presentar o seu recurso. Para as presentacións dos materiais disporase de ordenador e de conexión a internet. Na realización da presentación, agradécese que se preste especial atención ás seguintes cuestións:
- Breve presentación do material.
- Características. 
- Destinatarios.
- Por que en galego?
- Breve avaliación.
Se estás interesado/a en dar a coñecer a túa experiencia ou material, convidámoste a que accedas ao enlace "Ficha para difundir material" e envíes o documento que aparece no mesmo a Rocío García Pazos (rocio.garcia.pazos@gmail.com) antes do 1 de novembro.

Os obradoiros
Os obradoiros son sesións participativas onde a/o asistente ten a posibilidade de iniciarse en técnicas de deseño e selección de materiais didácticos e recursos educativos. Na xornada do sábado realizaranse simultaneamente cinco obradoiros, dous en horario de 9:15 h a 11:30 h, e tres de 12:00 h a 14:15 h. As e os participantes deberán sinalar os obradoiros da súa preferencia na folla de inscrición (un entre os desenvolvidos na Sesión A e outro entre os desenvolvidos na Sesión B).

Acceso á última edición celebrada

(máis información)

Ficha técnica
Título da actividade:
VI XORNADAS DE MATERIAIS DIDÁCTICOS: Recursos e materiais didácticos para o ensino en galego.

Datas de celebración:
29 e 30 de novembro de 2013.

Lugares de celebración:
Facultade de Educación (Campus Vida) - Santiago de Compostela.

Destinatarios/as:
Profesorado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Formación Profesional do ensino público e concertado, e en paro.

Número máximo de participantes:
100, por rigorosa orde de inscrición.

Nº de horas:
12 (homologación da Consellería de Educación en trámite).

Cotas de inscrición:
Ata o 31 de outubro de 2013
Socios/as de Nova Escola Galega: 20 €.
Parados/as: 30 € (é precisa xustificación documental).
Cota ordinaria: 40 €.

Desde o 1 de novembro de 2013
Socios/as de Nova Escola Galega: 30 €.
Parados/as: 40 € (é precisa xustificación documental). .
Cota ordinaria: 50 €.

Forma de pagamento:
Ingreso ou transferencia bancaria á conta de Nova Escola Galega en NOVAGALICIA BANCO: 2080 – 0300 – 85 – 3040089500

Inscrición:
Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento.




Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com