A adolescencia é unha etapa crucial no desenvolvemento psicolóxico de nenas e nenos en proceso de convertírense en persoas adultas. É tamén unha etapa onde moitos estereotipos de xénero se agudizan, internalizan, e provocan sufrimento emocional e comportamentos conflitivos.
Numerosos estudos demostran unha considerable perda de autoestima das nenas nesta etapa, polo que consideramos imprescindible a reflexión desde o ámbito educativo desta realidade que a miúdo pasa desapercibida ou que, no caso de ser detectada, poucas veces se interpreta e actúa sobre ela con perspectiva de xénero.
Obxectivos:
· Presentar ferramentas e metodoloxía que permita realizar seminarios temáticos con alumnas de secundaria, nos que abordar aqueles aspectos da construción da identidade de xénero que dificultan ou impiden o mantemento de relacións de igualdade entre os sexos.
· Reflexionar sobre formas de afortalar a autonomía e a autoestima das alumnas desde as aulas.
· Identificar os mecanismos da educación sexista e da construción da identidade de xénero, comprender as súas consecuencias e ofrecer alternativas.
· Coñecer a construción da identidade feminina, do rol de submisión, da necesidade de ser e parecer boas.
· Relacionar o malestar das mulleres cos mandatos de xénero aprendidos a través da socialización.
· Comprender as consecuencias físicas, cognitivas e condutuais do sincretismo de xénero.
· Comezar a presentar un modelo de muller con esquemas mentais e ferramentas cognitivas que favorecen a súa autonomía persoal.
Metodoloxía didáctica:
Presentarase a experiencia desenvolvida en aulas de 2º,3º,4º de ESO e en 1º de BAC, dentro do proxecto coeducativo “Nós tamén navegar” do IES Plurilingüe Fontexería (Muros). Reproduciranse as dinámicas e actividades que se realizan coas alumnas, en obrado, no marco deste proxecto que recibiu o Premio Concepción Arenal, na súa terceira edición (ano 2017) da Deputación da Coruña. Dotarase das ferramentas teóricas necesarias para poñer en práctica os obradoiros.
Profesorado:
Mª Sonia Fernández Casal: Licenciada en Ciencias Exactas. Máster en Xénero e Políticas de Igualdade.